Cruceiro das Angustias de Santa Mariña

Localización ( Ver en Google Maps ) Hoxe en día podemos concibir este pequeno recanto onde se atopa o cruceiro de Santa Mariña coma un pequeno oasis dentro da gran transformación que sufriu toda a súa contorna, da que só permanece esta obra artística. Cando este cruceiro foi erixido, aos seus pés existía unha gran marisma que se inundaba coas mareas e que ocupaba ata onde hoxe está o campo de fútbol. Ao carón do que hoxe é o terreo de xogo desembocaba o río Pexegueiro, mostra diso é o topónimo que aínda se conserva nesa zona: o Esteiro, lugar da costa onde desemboca un río e que queda asolagado pola preamar, o que nos indica con claridade a onde chegaba o mar ata hai uns anos. Todo o que hoxe vemos aterrado e ateigado de dotacións educativas e deportivas foille ocupado ao mar a partir da década dos anos corenta do século XX. Ao redor do cruceiro discorren dúas estradas. A que pasa pola parte inferior é o actual Camiño Portugués de Santiago, vai pola beira do que foi a antiga marisma. P...