Cruceiro das Angustias de Santa Mariña
Localización
Hoxe en día podemos concibir este pequeno recanto onde se atopa o cruceiro de Santa Mariña coma un pequeno oasis dentro da gran transformación que sufriu toda a súa contorna, da que só permanece esta obra artística.
Cando este cruceiro foi erixido, aos seus pés existía unha gran marisma que se inundaba coas mareas e que ocupaba ata onde hoxe está o campo de fútbol. Ao carón do que hoxe é o terreo de xogo desembocaba o río Pexegueiro, mostra diso é o topónimo que aínda se conserva nesa zona: o Esteiro, lugar da costa onde desemboca un río e que queda asolagado pola preamar, o que nos indica con claridade a onde chegaba o mar ata hai uns anos. Todo o que hoxe vemos aterrado e ateigado de dotacións educativas e deportivas foille ocupado ao mar a partir da década dos anos corenta do século XX.A outra estrada é a actual nacional 550, que discorre sobre o antigo "camiño real" na maioría dos seus tramos. Os camiños reais foron as novas vías de comunicación emprendidas polas dinastías dos Austrias e dos Borbóns. Destes últimos, conservamos en varios puntos da actual estrada nacional os leguarios que indicaban as antigas distancias quilométricas. Tanto a primitiva vía romana como a actual estrada nacional, herdeira do vello "camiño real", van paralelos ao longo da "depresión meridiana", superpoñéndose ou cruzándose en varios lugares.
Volvendo á contextualización espacial do noso cruceiro de Santa Mariña, podemos decatarnos tamén do transformado que está o contorno inmediato, con edificios modernos e unha gasolineira. Imaxinemos o orixinal páramo rural en que se atopaba ás aforas da vila, cunha gran marisma aos seus pés, que constituía a paisaxe na que se erixiu este cruceiro. Na actualidade, creouse un espazo verde delimitado por sebes que o illa do resto dos elementos que foron invadindo a súa contorna.
Este cruceiro pertencía, inicialmente, á parroquia de Cesantes, que chegaba ata a igrexa de Santa Mariña. De feito, ata mediados do século XX a procesión da Virxe das Angustias viña dende a igrexa ata este cruceiro e daba a volta.Descrición
Base
Consta de dous chanzos con forma octogonal. Non son frecuentes este tipo de bases nos cruceiros galegos. Normalmente son cuadrangulares. Outra forma que tamén podemos atopar na base é a circular. Esta fasquía octogonal da base resulta dunha boa elaboración e dálle un acabado artístico.
Pedestal
Sobre os chanzos da base vai un pedestal cuadrangular. A parte inferior é un cadrado regular, liso, sen ornamentación. A parte superior está traballada con elementos figurativos en dous dos seus laterais, que representan caveiras nas esquinas e ósos cruzados nas caras centrais, representacións alusivas á morte.
Fuste
Esta columna que sostén a cruz no seu alto ten forma cilíndrica e conta cunha decoración de vinte acanaladuras. O fuste remata cunha moldura circular denominada astrágalo. Esta columna estriada é un terceiro elemento decorativo que se suma á base octogonal e a ornamentación figurativa do pedestal. Como podemos observar, a medida que imos ascendendo polo cruceiro atopamos detalles do laborioso traballo que o canteiro empregou na súa realización.
Capitel
O capitel presenta unha decoración máis simple dentro do conxunto de todo o cruceiro. Ten forma redonda, con varias envolturas características: na parte inferior do capitel vemos o denominado colariño, decorado con caras cilíndricas lisas; sobre o colariño vai outra moldura chamada equino, tamén lisa, e, finalmente, o ábaco, máis sobresaínte, como remate superior do capitel.
Cruz
A cruz é cuadrangular, lisa, sen decoración. Nela están representadas as figuras do Cristo crucificado no anverso e unha Piedade no reverso.
O crucificado está representado con barba e cabelo longo, cunha coroa de espiñas ben tallada e a cabeza inclinada cara ao lado dereito. Os brazos están estendidos, sen apenas flexión. O torso está matizado con estriacións que debuxan as costelas. O pano da pureza que cobre a súa cintura está decorado con pregaduras e anoado na parte esquerda do corpo. As pernas están flexionadas e cos músculos e ósos bastante remarcados. Remata cun único cravo que atravesa o pé dereito sobre o esquerdo.
A Piedade
A representación da imaxe da Virxe co seu fillo morto no seu colo está ben traballada e con detalle. A figura da nai aparece sentada sostendo o seu fillo morto sobre as pernas. O manto da Virxe presenta pregaduras ben talladas en todo o seu conxunto. A figura de Xesús xace ao longo sobre as pernas da nai, co brazo dereito caído e a súa cabeza sostida pola man dereita de María, mentres coa outra man agarra o corpo morto do fillo para que non caia do seu colo.
Na zona dereita do manto da Virxe obsérvanse restos de policromía en cor ocre. Lembremos que orixinalmente o habitual era que os cruceiros estivesen policromados.
Comentarios
Publicar un comentario