Sociedade de Agricultores de Cesantes - Centro Cultural de Cesantes

Localización

(Ver en Google Maps)

O Círculo Cultural Recreativo de Cesantes atópase no barrio de Outeiro das Penas. Está situado á marxe dereita da estrada N-550 en dirección a Pontevedra, preto do colexio público local e rodeado de construcións de diversas épocas.  

Historia

Orixe e contexto histórico

No ano 1903 constitúese a Sociedade de Agricultores de Cesantes, unha das moitas asociacións agrarias que xurdiron en Galicia a finais do século XIX e principios do XX. Estas sociedades nacían para defender os intereses dos labregos, principalmente contra os abusos dos foros, un sistema de arrendamento agrario que existía desde o Antigo Réxime. Cesantes, situada nunha comarca de forte tradición agraria, formaba parte do núcleo do movemento agrarista da provincia de Pontevedra, xunto a outras parroquias de Redondela, Lavadores e Teis.  

En 1918, en pleno auxe das loitas agrarias, o edificio foi construído para consolidarse como sede da Sociedade de Agricultores y Ganaderos de Cesantes, segundo indica a inscrición da súa fachada. Este local serviu como punto de encontro para a organización de asembleas, mitins e actividades relacionadas co movemento agrario. Ademais, a sociedade participou activamente nas grandes xuntanzas provinciais e autonómicas, como a Segunda Asamblea Magna de Agrarios Sindicados e non Sindicados celebrada en Vigo en 1918.  

Durante a década de 1930, a chegada da II República supuxo unha reorganización do movemento agrario. En Cesantes, como noutras parroquias, a Sociedade transformouse en Sindicato Agrícola y Ganadero. O edificio foi escenario de importantes eventos, incluídos mitins galeguistas con figuras como Alexandre Bóveda, Paz Andrade ou Víctor Casas. Porén, co estalido da Guerra Civil en 1936, a sociedade foi disolta e o edificio foi incautado pola Delegación Nacional de Sindicatos, como sucedeu con moitas sedes de organizacións obreiras e agrarias.  

Momento actual

Tras décadas de abandono, a finais de 1978 o edificio foi recuperado e transformado na sede do Círculo Cultural Deportivo de Cesantes. Este cambio marcou o inicio dunha nova etapa, na que o inmoble pasou a ser un espazo dedicado á vida cultural e social da parroquia. Na súa nova función, o Círculo impulsou varias iniciativas relevantes e referentes  para a parroquia:

  • O grupo de baile tradicional "Airiños de San Simón", fundado en 1979, está composto por gaitas e baile tradicional.

  • O Club de Remo Cesantes: Naceu en 1983 presidido por Fernando Monroy Sobral. Está formado por categorías infantil, cadete e xuvenil. Compite na Liga Galega de Traíñas. Acadou diferentes premios a nivel galego e estatal.

  • A coral "Pedra Blanca", fundada en 1985.

Descrición

O edificio orixinal, de planta cuadrangular e un só andar, está constrouído en cantería de granito con cuberta a dúas augas de tella. Destaca a súa fachada principal, orientada á estrada, cunha porta central de arco rebaixado e ocos laterais de gran tamaño. Na planta superior hai tres ventás, sendo a central máis ampla, e sobre ela unha claraboia. A inscrición “SOCIEDAD AGRICULTORES DE CESANTES 1918” figura sobre a porta de entrada, reflectindo o ano da construción do edificio.  

O acceso ao edificio resólvese mediante unhas escaleiras que conectan coa estrada, dando lugar a un pequeno patio dianteiro enlousado. Posteriormente, foi engadida unha ampliación de dous andares e cuberta a dúas augas, que rompe parcialmente coa estética orixinal.  

O conxunto conserva elementos de interese arquitectónico, como os arcos trilobulados das dúas ventás laterais superiores, o arco conopial da xanela central superior, o óculo con forma de rombo situado no cimo da fachada e o detalle decorativo da porta principal, que amosan a relevancia que este inmoble tivo como sede dunha sociedade de gran peso social na súa época. 

Referencias

Ficha do catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Redondela, 2024.

Migueles Fernández, Juan: "Sociedades agrarias", en Anecdotario Redondelán (páxina web), 2020.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Miliario romano

Capela de Santiaguiño de Antas (Mos)

Mámoa de Santiaguiño de Antas GA36033002